Por un par de días, o porto de Cabo de Cruz pareceu volver ao pasado. No seu peirao puideron verse regatas a remo e amarradas bucetas, dornas e xeiteiras. Mesmo unha goleta se uniu á festa na que se converteu o encontro de embarcacións tradicionais Mar de Cabo. Esas augas, as boirenses, foron sucadas por un feixe de lanchas que son un símbolo cultural que non debe desaparecer.
Iso é o que reivindican os promotores da iniciativa, a asociación Gamela, e tamén un dos grandes valedores das embarcacións tradicionais e do oficio da carpintería de ribeira, Gerardo Triñanes. Precisamente, a presentación do seu libro Do saber inmaterial dos carpinteiros de ribeira. Do concepto ao galibo, foi o acto principal da primeira xornada do encontro. Aproveitou a ocasión para, unha vez máis, reivindicar un oficio que, sostén, vai máis alá da cuestión patrimonial, cultural e etnográfica e que, ademais dun valor simbólico, aspira seguir vivo.
A aspiración de Triñanes e da Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira (Agalcari) é que esta actividade volva a ser produtiva, como o foi noutro tempo e como o segue a ser noutros países europeos, nos que conta con moito máis apoio das Administracións e onde existe unha maior conciencia sobre a sostibilidade e as vantaxes sobre outros materiais coma o poliéster. Que se aposte pola construción de barcos en madeira é o desexo de Triñanes, mais non obviou na súa presentación a realidade de que o oficio está desaparecendo.
A pesares das pesimistas expectativas, a carpintaría de ribeira segue viva, e así se puido ver este sábado na segunda xornada de Mar de Cabo. O peirao crucense encheuse de embarcacións tradicionais e, no medio dun ambiente festivo, levouse a cabo unha regata de bucetas, a remo, como facían os mariñeiros cando volvían do mar coas súas capturas para ser os primeiros en chegar a porto para vender o peixe. Desde a asociación Gamela consideran significativo poñer isto en valor e subliñar que a vinculación de Cabo de Cruz co remo vén da tradición mariñeira da localidade.
Trala carreira, tocou facerse ao mar ata a illa de Bensa para desfrutar dun animado vermú mariñeiro. A ducia de embarcacións inscritas no encontro estiveron acompañadas dun par de barcos bateeiros e algunha que outra dorna chegadas da Arousa e de Ribeira, ademais da goleta Evangelina e outros buques de gran porte. Houbo foliada e comida, e contouse coa participación da concelleira de Cultura de Boiro e de Ana Lojo, escritora de Cabo de Cruz e autora dun libro ambientado na localidade do que leu un parágrafo.
As actividades continuaron pola tarde con obradoiros e xogos tradicionais, e estaba previsto e unha degustación de arroz e uns concertos son os platos fortes escollidos para poñer punto e final ás xornadas.
PROGRAMA:
Venres 22
18:00H
Recepción de embarcacións participantes - Porto do Náutico
20:00H
Presentación do libro de Gerardo Triñanes Fdez.: "O saber inmaterial dos carpinteiros de Ribeira. Do concepto ao gálibo" - Centro Social
21:30H
Pinchos e foliada con "As da boina" - A de Beni (Carragueiros)
Sábado 23
11:00H
Regata de bucetas - Da lonxa ao náutico
12:00H
Proa á Bensa - Navegación libre (Vermú na batea para tripulacións)
18:00H
Mariñeirada popular - Club de Remo Cabo da Cruz
21:30H
Degustación de arrós mariñeiro